Thursday 18 de April de 2024

Anxo M. Lorenzo salienta os preto de 3M€ que a Xunta destinou á tradución para internacionalizar a literatura galega e apoiar ao sector editorial


— Recorda o traballo realizado desde a posta en marcha das axudas específicas, que se completa co apoio a iniciativas como a que se pecha hoxe e que cumpre unha década

— Destaca o protagonismo da Illa de San Simón como “polo cultural e creativo” neste obradoiro que incluíu idiomas como albanés, eslovaco, flamengo e grego

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe a importancia que a tradución está a ter na folla de ruta do Goberno autonómico, cun investimento de preto de 3M€ desde a posta en marcha das axudas específicas, hai 15 anos. Neste tempo colaborouse con máis dun cento de empresas editoras, facilitouse a posta en marcha de preto de 1.200 proxectos “cun traballo ao que se dá continuidade cada ano para contribuír a internacionalizar a literatura galega”, indicou.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade fixo estas declaracións no transcurso da clausura da décima edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética Con Barqueira e remador, unha iniciativa apoiada polo Goberno autonómico na Illa de San Simón para impulsar a creatividade e produción editorial. Neste sentido, salientou o papel da Illa como “polo cultural e creativo” que ten contribuído “á inspiración dos máis de 70 profesionais da literatura e da produción de 40 países do mundo que participaron neste obradoiro nesta década”, expresou.
Con Barqueira e remador está fundado e coordinado pola poeta e xestora cultural Yolanda Castaño. Nesta edición contouse con catro novos idiomas cos que nunca antes se traballara: albanés, eslovaco, flamengo e grego. Ao longo dunha semana de obradoiro intensivo, cada autor amosou pezas na súa propia lingua ao tempo que foi versionado en cinco idiomas distintos.

Ademais, o traballo en equipo desde a Illa de San Simón serviu de punto de partida para unha inmersión na paisaxe, historia e patrimonio cultural e a iniciativa completouse con dous recitais poéticos multilingüe en actos abertos e gratuítos en Vigo en Pontevedra.